Día das Letras Galegas
En Galicia, o 17 de maio celebramos o Día das Letras Galegas. Seguro que moitas veces preguntástesvos por que se celebra este día e non hai un día para as letras españolas ou para as letras inglesas. O motivo polo que celebramos o Día das Letras Galegas é porque en Galicia temos unha lingua moi fermosa, o galego, pero hai moitas persoas que non o empregan para comunicarse. Por iso, decidiuse buscar un día para celebralo, para que ninguén se esqueza del, para que todos lembren o bonito e o importante que é falalo. Se deixamos de empregar o galego, a lingua desaparecerá e quedará no esquecemento.
O Día das Letras Galegas celébrase o 17 de maio. Por que o 17 de maio? Porque o 17 de maio de 1863, Rosalía de Castro presentou o seu libro Cantares Gallegos, un dos máis importantes escrito na nosa lingua. Cen anos despois, a Real Academia Galega, que é a encargada do estudo do galego e da súa defensa, decidiu homenaxeala e elixiu este día.
Dende entón e ata hoxe, cada 17 de maio dedícase o Día a unha persoa diferente. Estas persoas son autores que faleceron fai máis de dez anos e que escribiron libros en galego, coa intención de conservar e defender a nosa lingua.
Sabes a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas? A Ricardo Carvalho Calero. Se queres saber quen foi, coñecer a súa vida e a súa obra, mira o vídeo que fixeron os nenos e nenas do colexio San Pío X de Ourense.
No hay comentarios:
Publicar un comentario