jueves, 11 de junio de 2020

San Xoán

Nenos e nenas, achégase a Noite Meiga, a noite máis máxica do ano en Galicia… Estades preparados para vivir o San Xoán? Aquí vos deixamos algunhas recomendacións!

Lembra que a noite do Lume Novo comeza co luscofusco do 23 de xuño e remata ao abrente do día seguinte. Esta noite festéxase a noite máis curta do ano, o solsticio do verán, que vén a celebrarse dende hai milleiros de anos. Coa chegada do cristianismo a Galicia, comezou a celebrarse tamén o nacemento de San Xoán. Porén, son moitos os rituais ancestrais que seguen a realizarse na nosa terra. Se perduraron durante tantos anos, será porque funcionan, non? 

Pola tarde, debes comezar a facer o cacho. Primeiro hai que recoller as sete herbas de San Xoán, son sete herbas medicinais: fiuncho, fento macho, codeso, abeloura, malva, romeu e herba luísa. Despois, debes procurar a auga de sete fontes. As herbas teñen que quedar a remollo fóra, ao orballo da noite, para que adquiran máis maxia. Á mañá seguinte, colócate mirando cara ao oriente, para recibir os primeiros raios do sol e lava a túa face con elas,  así conseguirás protexerte de malas envexas.

Polo San Xoán a sardiña molla o pan. Non deixes de asar e cear unha boa sardiñada!

A noite do 23  lembra prender a túa cacharela na praia e saltar as lapas para limparte de todo meigallo e protexerte. Non esquezas as palabras máxicas:

Salto por riba
do lume de San Xoán
para que non me morda
cadela nin can
nin bicho vivinte
que ande polo chan.

Se estás nalgunha aldea do interior, xunta todo o material vello que atopes e pecha as entradas da vila, só deixa unha saída, para que todo o malo poida fuxir e non volva entrar. Non esquezas que esta noite están permitidas as trasnadas á veciñanza, esconde cousas, cambia todo de sitio… Sempre agochado/a para que non te descubran! 

Xa sabedes, rapazada, a gozar da noite!


Para facer:

Como festexas ti o San Xoán? Coñeces algunha outra tradición ou ritual de San Xoán? Gustaríanos que a compartises con nós! 


Inventa o teu propio feitizo de San Xoán e envíanolo!


Polo San Xoán, a sardiña molla o pan. En Galicia, hai un milleiro de refráns sobre San Xoán. Envíanos un que coñezas e debúxao.

 

As sete herbas de San Xoán varían duns lugares a outros. Pescuda que outras herbas se empregan neste día tan máxico.




Coñeces algunha cantiga popular adicada ao San Xoán? Compártea con nós! 


Envíanos o teu traballo a: dinamizachouzo@gmail.com 



No hay comentarios:

Publicar un comentario