jueves, 4 de junio de 2020

Lugo

Ola a todos e a todas!!! Chámome Breixo e hoxe veño aquí para facervos soñar cunha bonita viaxe!

O meu avó vive en Lugo e no verán os meus pais e eu decidimos pasar as vacacións con el. Non quixemos perdernos nada e aproveitamos para visitar unha chea de vilas da provincia. A xente foi moi boa e moi amable. Nas vilas da zona oriental, o galego é diferente. Rematan sempre as palabras en “-ois”, no canto de ”-óns”. É simpático escoitalos falar: montois, pantalois, fais… Ao avó chámanlle avolo… Hahaha…

O primeiro día da nosa viaxe quedamos a durmir preto de O Vicedo, onde están os cantís de O Fuciño do Porco, que se poden percorrer por un paseo estreito de madeira. Foi tan fermosa a nosa estadía alí, preto do mar, que tamén decidimos viaxar por outras vilas de A  Mariña Lucense ata chegar á Praia das Catedrais, en Ribadeo. Encantoume! A forza da auga furou a rocha e creou unhas covas e tamén uns arcos de máis de trinta metros de alto. 

Antes de chegar á capital da provincia, pasamos por Mondoñedo. Mondoñedo é unha vila moi bonita, cunha catedral construída entre 1230 e 1248. Preto de Mondoñedo tamén se atopa o castelo de Castro do Ouro, que pertenceu ao mariscal Pardo de Cela. Agora fabrícanse zocos alí. 

Lugo é unha pasada de cidade. Sabedes quen naceu en Lugo? O poeta Uxío Novoneyra e o actor Luis Tosar. Alí visitei algúns monumentos na cidade. O máis importante de todos eles é a Muralla, a única muralla romana no mundo que mantén o seu percorrido orixinal, de máis de dous quilómetros. Foi construída polos romanos hai máis de 17 séculos. Ten sete metros de ancho, entre dez e quince metros de alto, con  dez portas e conserva 71 torres das 85 orixinais. Conta a lenda que na antigüidade, o Deus Marte, deus da guerra, castigou ao seu fillo Oqu, vivindo cos humanos. Tempo despois, o emperador de Roma mandou construir unha muralla cuxo trazado pasaba pola cova na que vivía el. Oqu pediu que enviasen unha mensaxe ao emperador e que lle deixasen seguir vivindo alí. O emperador permitiulle quedar e fixéronlle unha porta na mesma muralla. Pasaron os anos e as fillas doutro emperador foron visitalo, pero non lles abriu e o pai delas anoxouse tanto que deu orde de arrestalo. Cando entraron na súa cova, parte da muralla derrubouse e nunca máis se soubo de Oqu. 

En Lugo tamén hai outras construcións romanas: as termas, unha ponte e unha Igrexa moi bonita a uns quince quilómetros da cidade, a Igrexa de Santa Eulalia de Bóveda. 

Lugo ten varias igrexas, pero a máis fermosa é a Catedral. Foi construída entre os anos 1129 e 1273, é de estilo románico e feita polo mestre Raimundo de Monforte. Foi adicada a Santa María. 

Viaxando cara ao sur da provincia, detivémonos a coñecer A Pobra de Navia co seu castelo e a súa ponte romana. Despois visitamos Piornedo e Pedrafita do Cebreiro, dúas aldeas moi famosas na que a veciñanza vivía en pallozas. As pallozas aínda se conservan, son casas circulares de pedra co teito de colma. 

Case me esquezo de contarvos que estiven no Castro de Fazouro en Foz, no Castro de Santa María de Cervantes e no Castro de Portomarín. As vivendas castrexas aseméllanse moito ás pallozas.

Por último, antes de retornar a Vigo, paramos a gozar dunha beleza natural, A Ribeira Sacra. Viaxamos en catamarán polo Cañón do Sil, fronteira natural entre as provincias de Lugo e Ourense e puidemos visitar moitas igrexas románicas que hai na zona. 


Para facer:

Hai unha lenda moi famosa na provincia de Lugo, a lenda da Cova do Rei Cintolo. Pescuda sobre esa lenda e envíanos algunha similar que coñezas. 


Indaga cales son os Concellos que se atopan na Ribeira Sacra e cóntanos que cousas interesantes podemos atopar neles.


Ao longo deste blogue, relatáronse algunhas lendas. Estamos no ano 2377.  Escribe a lenda onde o/a protagonista es ti. Como ou por que pensas que serás lembrado? 


Sabes que en Lugo se celebra o Arde Lucus, unha festa na que se conmemora a fundación da cidade e as persoas levan vestimenta daquela época? Convidámoste a confeccionar un traxe típico dos romanos con todo tipo de materiais. Envíanos a foto del! 


Envíanos os teus traballos a: dinamizachouzo@gmail.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario